Sunday 05 de May de 2024

O Concello de Lousame inviste máis de 96.000 euros na mellora do acceso á aldea de Servia


 

O Concello de Lousame vén de iniciar os traballos de mellora do camiño entre complexo medioambiental de tratamento de residuos de Lousame á aldea de Servia, parroquia de Vilacoba, uns traballos nos que inviste 96.010,69 euros. As obras, que está a executar a empresa Nemesio Ordóñez, contaban cun prazo inicial de execución de seis meses, se ben a firma adxudicataria comprometeuse a finalizalas en 90 días.

As obras terán lugar ao longo dos 2,3 quilómetros desta estrada, de 6 metros de ancho, onde “imos reparar as fochancas que presenta e a perfilar con grava e tratamento asfáltico os seus bordes, antes de botarlle unha capa de cinco centímetros de aglomerado en quente a toda a calzada que mellorará a seguridade viaria dos veciños e veciñas que utilizan esta vía. Foi un compromiso desta alcaldesa, pois se trata dunha pista que estaba moi deteriorada, polo que é unha satisfacción que se poida facer canto antes”, apunta a alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde. As obras incluirán tamén a limpeza de gabias e salvagabias para a correcta drenaxe da zona así como o pintado da sinalización horizontal.

Esta actuación súmase ás obras de saneamento realizadas a finais do ano pasado en Servia e que permitiron dotar a esta aldea de novos colectores de augas residuais e pluviais, co obxecto de conseguir que a maior parte das vivendas poidan verter as súas augas fecais a unha rede de saneamento separativo para o seu posterior tratamento. Un tratamento para o que está contemplada a construción dunha estación depuradora de augas residuais nunha parcela próxima ao río Vilacoba, dimensionada para o total da poboación da localidade, e que “xa recollemos nos orzamentos de 2019 porque pretendemos acometela este ano”, puntualiza Villaverde Pais.